Subvencións para programas de retorno voluntario

Resolución da convocatoria

  • Resolución do 14 de maio de 2014, da Dirección Xeral de Migracións, pola que se convocan subvencións para programas de retorno voluntario de persoas inmigrantes. (BOE 6/2014).
  • Resolución do 6 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Migracións, pola que se modifica a do 14 de maio de 2014, pola que se convocan subvencións para programas de retorno voluntario de persoas inmigrantes.
  • Resolución do 17 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Migracións, pola que se publica o crédito dispoñible da convocatoria de subvencións para o retorno voluntario de persoas inmigrantes, efectuada por Resolución do 14 de maio de 2014.

Obxecto

O obxecto destas subvencións será a realización de programas que faciliten ás persoas estranxeiras extracomunitarias a posibilidade de retornar voluntariamente desde España aos seus países de procedencia para a súa reintegración, viable e sustentable. Existen tres tipos de programas distintos que, á súa vez, poderán estar cofinanciados polo Fondo Europeo de Retorno da Unión Europea, nas condicións e cos requisitos que se recollen na presente Resolución de Convocatoria. A xestión destes programas está encomendada a organizacións non gobernamentais e organizacións internacionais especializadas na atención de inmigrantes.

Destinatarios dos programas

Dependendo do programa de retorno de que se trate os destinatarios deberán cumprir distintos requisitos:

  • Programa de retorno voluntario de atención social:vai dirixido a inmigrantes en situación administrativa irregular ou regular dependendo de que o programa estea ou non cofinanciado polo Fondo Europeo para o Retorno; no segundo caso deben acreditar seis meses de estancia con anterioridade á solicitude; en ambos os casos deberán acreditar situación de carencia e precariedade social ou pertencer a determinados grupos vulnerables.
  • Programa de retorno produtivo voluntario:vai dirixido a inmigrantes en situación administrativa irregular ou regular dependendo de que o programa estea ou non cofinanciado polo Fondo Europeo para o Retorno; ademais deben acreditar o seu interese en participar nun proxecto de emprendemento empresarial asociado ao retorno. A partir da convocatoria de 2013 terán prioridade aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social.

    Os solicitantes de asilo ou persoas que gocen dalgunha protección internacional tamén son destinatarios do programa de retorno voluntario produtivo cofinanciado polo FRE.

  • Programa de axudas complementarias ao aboamento acumulado e anticipado da prestación contributiva de desemprego a traballadores estranxeiros extracomunitarios que retornen voluntariamente aos seus países de procedencia (APRE) :vai dirixido a traballadores estranxeiros non comunitarios desempregados que se atopen legalmente no noso país e que, tendo recoñecido o dereito a percibir esa prestación, retornen voluntariamente ao seu país de orixe; pero só países cos que España teña subscrito un convenio bilateral de Seguridade Social. Ata a data, estes países son: Andorra, Arxentina, Australia, Bolivia, Brasil, República de Cabo Verde, Canadá (excepto Quebec) , República de Corea, Chile, Colombia, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, Estados Unidos, Filipinas, Xapón, Marrocos, México, Paraguai, Perú, Rusia, Tunisia, Ucraína, Uruguai e Venezuela.

Ademais, en todos os programas, deberán:

  • Presentar unha declaración de voluntariedade e compromiso de non retornar a España nun período de 3 anos.
  • Renunciar aos documentos oficiais que vinculen ao estranxeiro con España (permiso de residencia, tarxeta sanitaria, empadroamento, etc.)
  • Non estar incurso en ningún dos supostos de prohibición de saída de España previstos na Lei de Estranxeiría.

Prestacións dos programas de retorno voluntario

As prestacións que se conceden, con carácter xeral, son as seguintes: información e orientación ao interesado, apoio psicolóxico, billete de retorno internacional ao seu país de procedencia desde o seu lugar de residencia e pagamento das circunstancias excepcionais que puidesen presentarse durante o tránsito; axuda económica de viaxe e xestión dunha axuda económica para a primeira instalación (salvo para retorno APRE). Tamén se contemplan gastos imprevistos de medicamentos e pagamento de gastos de acompañamento necesario en caso de enfermidade, incapacidade ou outra circunstancia invalidante.

Ademais, no caso do retorno voluntario produtivo, préstase asesoramento, orientación e valoración inicial do proxecto de negocio, a súa viabilidade e sustentabilidade; capacitación na elaboración do proxecto, seguimento do mesmo e unha axuda económica por proxecto cuxa contía dependerá do número de solicitantes nun mesmo proxecto.

Entidades beneficiarias.

As entidades, organizacións non gobernamentais e organismos internacionais e entidades de natureza análoga que concorran á convocatoria deberán reunir os requisitos establecidos no artigo 4 da Orde ESS/1423/2012 do 29 de xuño:

  • Ter como fins institucionais primordiais a realización de actividades a favor dos colectivos citados no artigo 1.
  • Carecer de fins de lucro.
  • Ter ámbito de actuación estatal, excepto aquelas organizacións cuxo ámbito territorial de actuación sexa Ceuta e Melilla.
  • Deberán estar legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro administrativo estatal.
  • Dispoñer da estrutura e capacidade suficientes para garantir o cumprimento dos obxectivos, acreditando a experiencia operativa necesaria.
  • Non ter reintegrado máis do 40 por cento das axudas e subvencións recibidas en calquera das últimas cinco convocatorias.

Presentación de solicitudes

As solicitudes para participar na presente convocatoria deberán presentarse no prazo de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente Resolución no Boletín Oficial del Estado (BOE 6/6/2014).

As solicitudes formularanse nos modelos que se acompañan como anexos I a VI, e estarán dirixidas á Dirección Xeral de Migracións.

Prazo de execución do programa

Os programas poderanse executar desde a data da resolución de concesión da subvención ata o 30 de xuño de 2015. Cando se trate de programas de continuidade, poderá estenderse desde a data de finalización da execución real do programa subvencionado na convocatoria anterior ata o 30 de xuño de 2015.

Bases reguladoras da convocatoria

Orde ESS/1423/2012, do 29 de xuño, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións na área de integración dos inmigrantes, solicitantes e beneficiarios de protección internacional, apatridia e protección temporal. (BOE 30/6/2012).

Corrección de erros. BOE 16 de agosto de 2012.

Formularios

Aquí poderanse atopar todos os documentos necesarios para cumprimentar a solicitude, a tramitación e a xustificación da subvención.